Thursday 28 de March de 2024

Concentración de repulsa polos atentados de Bruxelas e en solidariedade coas vítimas e co pobo belga


A praza do Obradoiro acolleu unha concentración de repulsa aos atentados terroristas acontecidos este martes en Bruxelas (Bélxica). O alcalde, Martiño Noriega, membros da Corporación e traballadores municipais sumáronse, con outros representantes institucionais e cidadáns anónimos, a este minuto de silencio, como mostra de solidariedade coas vítimas e co pobo belga, e de condena de calquera acción terrorista.

Despois do acto, o alcalde amosou o “rexeitamento e repulsa” por uns acontecementos nos que “unha vez máis, a sinrazón atentou contra o máis sagrado, que é a vida”. “O peor estase a impor”, apuntou Martiño Noriega, polo que reivindicou “solidariedade, xenerosidade e convivencia”.

Preguntado pola seguridade, tamén quixo mandar unha “mensaxe de tranquilidade” aos veciños e veciñas de Compostela, porque “perdemos todos se gaña o medo, e non podemos alimentalo de maneira interesada”.